Asociación Forestal de Galicia          

 

Últimas noticias

(15 do 6 de 2017)

A Asociación Forestal de Galicia celebrou o pasado sábado 10 de xuño a súa asemblea anual á que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes de toda Galicia. Nela foi reelixido presidente da AFG Francisco Fernández de Ana Magán.

Francisco Fernández de Ana, desempeñou o seu labor profesional como investigador no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, no que foi xefe da sección de Fitopatoloxía. Desde a súa xubilación é o responsable de I+D nunha empresa de biotectonoloxía. Detenta a presidencia da Asociación Forestal de Galicia desde decembro de 2004.

A xornada comezou coa XXXI Asemblea ordinaria da Asociación na que se aprobaron as contas do ano 2016 e o orzamento para este ano 2017.

Ao longo da mañá multiplicáronse as intervencións, en moitas delas quedou patente a preocupación pola política forestal que se está seguindo e máis concretamente pola excesiva burocratización e a multiplicación de lexislación concorrente e restritiva á actividade forestal, ademais, no colectivo dos silvicultores, percíbese unha ola de malestar e un sentir de incomprensión por parte dos poderes públicos e da sociedade, polos donos dos montes en particular e o sector forestal en xeral.

Os propietarios forestais non entenden a falta de diálogo por parte da Administración e o empeño desta por lexislar sen consultar aos lexítimos donos dos terreos sobre os que lexisla, en concreto no caso das Directrices da Paisaxe de Galicia e do Anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural, actualmente en fase de elaboración.

En calquera caso, os silvicultores e xestores de montes veciñais en man común amosaron o seu ánimo e boa disposición a seguir xestionando sostiblemente os seus montes, fonte de beneficios para o conxunto da sociedade, e loitando para que se recoñezan as externalidades do seu labor e fixeron un voto de unirse máis no empeño por defender o monte cultivado, transmitir o seu traballo e as súas múltiples achegas á sociedade galega. Formulouse a necesidade de convencer aos grupos políticos e á Administración que sen a participación e acordo dos propietarios dos montes, as políticas forestais teñen pouco marxe de éxito.

Pola tarde tivo lugar unha asemblea extraordinaria onde se elixiu a Xunta de Goberno que dirixirá a Asociación Forestal de Galicia nos vindeiros catro anos que está formada polas seguintes persoas:
Presidente: Francisco Fernández de Ana Magán
Vicepresidente de Relacións Institucionais: Antonio Rigueiro Rodríguez
Vicepresidente de Montes Particulares: Juan Ramón Gallástegui Otero
Vicepresidente de Montes Veciñais: Jesús Represas Represas, en representación da C.M.V.M.C.de Xinzo (Ponteareas)
Vogais de Montes Particulares: Manuel Lorigados Caos e José Luis Solloso Tiagonce
Vogais de Montes Veciñais: Ramón Abuín Gómez, en representación da C.M.V.M.C. de Balouta e Fontecova (Dodro) e Jesús Mosquera Puentes, en representación da C.M.V.M.C. de Barrantes (Tomiño)

(11 do 5 de 2017)

A Asociación Forestal de Galicia, celebrará a súa XXXI Asemblea xeral e máis as eleccións para elixir a súa Xunta de Goberno o vindeiro 10 de xuño no Parador de Monforte de Lemos.

Coincidindo con esta data vai ter lugar un Coloquio sobre o porvir do eucalipto en Galicia, no que se debaterá entre outros temas, sobre o incremento do eucalipto nitens, a oferta e a demanda da madeira de eucalipto, a evolución dos prezos, a riqueza e o emprego asociado ao eucalipto, a percepción social dos montes de eucalipto, a paisaxe, os usos actuais e futuros da madeira de eucalipto, a súa sanidade e o regulamento que está elaborando a Xunta de Galicia sobre a súa plantación, serán varios dos temas que se abordarán o día 10 de xuño en Monforte.

O Coloquio estará moderado polo catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, Roque Rodríguez Soalleiro que fará unha presentación sobre a situación actual do eucalipto en Galicia.

Programa do Coloquio.

Os actos con motivo da XXXI Asemblea xeral rematarán o domingo 11 de xuño cunha excursión forestal pola Ribeira Sacra.

(20 do 3 de 2017)

O 21 de marzo celébrase o día Internacional dos bosques e con tal motivo, as organizacións do sector forestal galego organizaron un acto de celebración no monte veciñal de Oín, no concello de Rois, no que, entre outros, participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e o alcalde de Rois. Neste acto leuse o seguinte comunicado:

Falar de bosques en Galicia é falar de persoas. A diferenza da maioría dos países da nosa contorna, os montes galegos son privados, ben sexa propietarios individuais ou comunidades de montes veciñais. Trátase de 1,4 millóns de ha de monte de particulares e de 670.000 ha de monte veciñal en man común. A xestión destes montes realízana propietarios individuais, comunidades de montes veciñais, directamente ou a través de asociacións e empresas de servizos. Neste numeroso colectivo recae a responsabilidade de manexar o 60% do territorio galego e cara este colectivo deben dirixirse novas políticas ben artelladas que incentiven o interese pola xestión dos montes.
Pero este día non é soamente o día dos bosques ou dos silvicultores, é o día da flora, da fauna, da biodiversidade, da paisaxe, das empresas que realizan os traballos silvícolas, dos industriais que mercan os produtos e tamén dos científicos que nos axudan a avanzar. Por iso queremos lembrar a un gran botánico, burgalés de nacemento e galego de adopción, o frade Baltasar Merino, ao que a Real Academia Galega de Ciencias, coincidindo co centenario do seu falecemento, homenaxeará no Día da Ciencia en Galicia, distinguíndoo como científico do ano 2017. O Padre Merino, cando xa superara o medio século de vida, dedicouse con gran entrega e rigor ao estudo da flora galega e para isto percorreu case todo o país a pé, en burro ou a cabalo realizando traballos de herborización.
Froito deses traballos foron varias publicacións e a elaboración dun importante herbario. Entre as publicacións destaca a súa obra magna, FLORA DESCRIPTIVA E ILUSTRADA DE GALICIA, que saíu do prelo en tres tomos entre os anos 1905 e 1909 e cita 1845 especies, das cales cerca de 1.000 eran novas para Galicia e máis de 70 novas para a ciencia. Engadidos posteriores do mesmo autor elevaron o número de especies de flora vascular galega a máis de 2.000.
O herbario do Padre Merino estivo no Colexio Apóstolo Santiago, primeiro en Camposancos (A Guarda) e despois en Vigo. Para que non se estragase conservouse en casas particulares cando se disolveu a Orde dos Xesuítas na II República, volvendo ao colexio trala Guerra Civil, cando retornou á legalidade a orde relixiosa. En 1945 os propietarios cederon a maior parte dos pregos, máis de 10.000, en depósito ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para unha mellor conservación.
A Flora e o herbario foron obras de referencia para os estudosos da botánica galega ata finais do pasado século e, aínda na actualidade, se realizan traballos e teses de doutoramento sobre a obra do insigne botánico.
Moito variou a situación dos xestores dos montes galegos desde que Baltasar Merino os pateou clasificando a súa flora. O perfil do propietario de montes é, na actualidade, moi distinto ao que presentaba daquela. Hoxe en día, o monte para moitos de nós constitúe unha fonte complementaria de rendas, nunca a actividade económica principal. O mesmo ocorre na maioría dos montes veciñais en man común. Pero iso non é obstáculo para que queiramos facer unha xestión forestal sostible, este monte de Oín, onde nos atopamos, é boa proba disto.
Malia non existir na estatística oficial, a nosa contribución á economía galega é moi significativa, só en madeira producimos 8,7 millóns de metros cúbicos e facturamos preto de 250 millóns de euros anuais, que se distribúen entre moitísimas familias galegas. Cada 100 ha de monte ben xestionado achega en traballos silvícolas e de xestión un emprego por ano, isto quere dicir, que a totalidade do monte, se estivera ben xestionado daría emprego a preto de 20.000 persoas. A manipulación dos produtos forestais, madeireiros e non madeireiros, dan traballo a moitísimas empresas espalladas polo medio rural en traballos de corta e saca de madeira, colleita de froitos forestais, transporte, consultoría forestal, etc. No caso da agricultura e da gandería, as normativas europea, nacional e autonómica, así como a sociedade en xeral recoñecen o traballo estratéxico dos produtores agrícolas. No caso forestal, debemos reclamar unha consideración similar.
Dada a necesidade de involucrar aos propietarios forestais en investimentos a longo prazo propios da silvicultura, parece oportuno establecer un status novo, o status do silvicultor activo, é dicir dos que cultivan o bosque, e formular políticas axeitadas ás necesidades deste colectivo no que recae a enorme responsabilidade de evitar o abandono e de transmitir en mellores condicións o patrimonio recibido. O status do silvicultor activo é un paso social e político de gran calado co que se pretende incorporar xente nova e emprendedores á xestión forestal. Este é o camiño para evitar o abandono do monte, para diminuír o risco de incendio forestal, para solucionar o minifundio e, en definitiva, valorizar unha actividade pouco recoñecida socialmente, pero que ten grandes posibilidades de encaixe nos gustos das modernas sociedades.
Para isto é preciso establecer unha política forestal que focalice as demandas reais dos propietarios forestais, promovendo medidas fiscais incentivadoras, e, sobre todo, establecendo un marco normativo, que lle dea estabilidade e permanencia á xestión forestal, con normas que apoien a actividade e o desenvolvemento do sector e que articulen as normativas concorrentes que dificultan inutilmente a actividade forestal en Galicia.

(8 do 3 de 2017)

O pasado 2 de marzo tivo lugar en Lousã (Portugal) o Foro Internacional Bosque saúdable, beneficios para todos, que foi organizado polo proxecto europeo INovative and Educational INformation for the Sustainable FOREST Management by Smallholders (FOREST-IN), do que son socias diversas organizacións e institucións de España, Francia e Portugal, coa Universidade de Aveiro como coordinador desta iniciativa transnacional.

O foro -que se celebrou o 2 de marzo reuniu a máis de 120 participantes- foi precedido dun novo encontro de traballo entre os integrantes do proxecto FOREST-IN, que persigue promover as boas prácticas e a educación forestal entre os propietarios privados dos montes, os seus xestores e técnicos, e demais axentes implicados na xestión forestal sostible dos bosques. Este foro internacional contou co importante respaldo do Goberno portugués, sendo o secretario de Estado de Silvicultura e Desenvolvemento Rural, Amândio Torres, un dos protagonistas do acto inaugural no Centro de Operacións e Técnicas Forestais (COTF), lugar no que se desenvolveu o foro, xunto co reitor da Universidade de Aveiro, o director do Instituto de Conservación da Natureza e dos Montes e o alcalde de Lousã.

Este encontro técnico serviu, entre outros aspectos, para abordar os principais problemas relacionados coa ordenación forestal nalgúns territorios dos países socios, todos cunhas características moi similares: predominio da propiedade forestal privada con áreas moi pequenas, e en moitos dos casos baixo a xestión de propietarios sen capacitación técnica, onde é urxente promover boas prácticas e educación forestal para unha xestión sostible dos recursos.

O foro ademais, recabou información sobre as necesidades e preocupacións destes propietarios forestais no seu día a día, e explicaráronse algunhas das accións que emprenderá o proxecto FOREST-IN para axudarlles á toma de decisións para unha xestión forestal sostible.

Sobre o proxecto FOREST-IN
O proxecto FOREST-IN ten como obxectivo promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, titoriais e a creación dunha aplicación móbil orientada a axudar no proceso de toma de decisións para a xestión forestal sostible. Todo isto integrado nunha estratexia concertada que involucra á comunidade forestal e ao público en xeral. As técnicas pedagóxicas serán innovadoras e personalizadas para os destinatarios do proxecto, e estarán baseadas nun modelo de aprendizaxe horizontal e participativo.
FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiamento do Programa Erasmus+, o principal mecanismo financeiro da Comisión Europea en materia de Educación. O coordinador deste proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal), xunto coa Asociación Forestal de Galicia, a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), e o Bosque Modelo de Provenza (Francia).

(8 do 2 de 2017)

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, publicada no Diario Oficial de Galicia do 9 de febreiro de 2017, modifica varios puntos da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:
- Regúlase o aproveitamento dos produtos característicos dos terreos forestais naqueles predios que teñen a consideración de solo rústico de protección agropecuaria.
- Facilítase a aprobación de deslindamentos entre montes veciñais en man común e propiedades particulares, de xeito que as propiedades queden mellor definidas.
- Permítese que se regulen por decreto as plantacións de eucaliptos e doutras especies, de xeito que se controle a súa utilización nos lugares onde sexa conveniente desde os puntos de vista económico, ambiental e de ordenación do territorio e da paisaxe.
- Clarifícase o concepto de documento de adhesión, cuxas características serán definidas mediante orde da consellería competente como consecuencia de tratarse dunha materia técnica suxeita a unha realidade cambiante, de xeito que se acelere a súa implantación nas parcelas forestais de pequena superficie e que estas melloren canto antes a calidade da súa xestión.
- Clarifícase que o outorgamento de autorizacións administrativas, xa sexan expresas ou presuntas, se concederá sen prexuízo de terceiros propietarios ou titulares de dereitos de aproveitamento.
- Facilítase a cancelación de consorcios ou convenios en montes nos que, pola súa casuística especial, non resulta viable redactar e aprobar un instrumento de ordenación ou de xestión. A data tope para a cancelación será o 31 de decembro de 2021.
- Recoñécese a validez dos títulos inscritos no rexistro da propiedade.
- Facilítase a actualización dos lindeiros dos montes veciñais en man común, de xeito que as propiedades queden mellor definidas.
- Permítese, de xeito excepcional, o aproveitamento de parcelas situadas no interior de montes veciñais en man común aos particulares que as plantaron a título individual.
- Inorpórase un artigo na lei para establecer o réxime de propiedade e cesión en precario dos predios da masa común de reestruturación parcelaria.

- Pódese descargar a lei completa aquí.
- Pódese descargar o extracto das medidas que afectan ás propiedades forestais aquí.

(12 do 1 de 2017)

A Consellería do Medio Rural acaba de publicar a Orde do 28 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017, cos seguintes condicionantes:

Traballos subvencionables

  • Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm e cunha densidade inicial de 2.000 pés/ha ou superior.
  • Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas.
  • Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m.
  • Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha.
As actuacións indicadas non poderán obter axuda sobre unha mesma superficie.
Non serán elixibles as mesmas actuacións realizadas en superficies sobre as cales se concedeu subvención de calquera destas dúas liñas de axuda nos 5 anos anteriores a esta convocatoria, agás no caso de traballos de roza, que se limitará aos 3 anos anteriores.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Unha mesma persoa poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda se non coinciden na mesma superficie.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será ata o 16 de marzo de 2017.

(27 do 12 de 2016)

A Consellería do Medio Rural abre o prazo para solicitar as axudas de prevención de incendios en montes veciñais en man común e Sofor.

Estas axudas financiarán dúas liñas de actuación:
a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible.
b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor.

Os traballos subvencionados localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios.

Non poderán solicitar estas axudas os montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio. No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

A porcentaxe que se subvenciona será do 100% de acordo co financiamento máximo establecido para cada traballo na Orde.

A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).

Para acadar esta superficie, as CMVMC poderán agruparse sempre e cando estean na mesma provincia e no mesmo concello, ou en concellos limítrofes (dentro da mesma provincia) sempre que sexan estremeiras.

O prazo de solicitude remata o 15 de febreiro de 2017.

(1 do 11 de 2016)

A Asociación Forestal de Galicia, vén de participar o pasado mes de outubro en Soria, na reunión de inicio do proxecto FOREST-IN: Información innovadora e formativa para a xestión forestal sostible, aprobado no pasado mes de xullo liderado polo Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro (Portugal).

O proxecto FOREST-IN vaise centrar na educación forestal de todos os axentes da cadea forestal desde os propietarios e técnicos forestais ata os grandes xestores. Conta cun financiamento de máis de 320.000 euros de fondos europeos Erasmus+ (o instrumento financeiro da Comisión Europea para a Educación) e terá unha duración de tres anos.

O proxecto FOREST-IN partiu da necesidade de crear unha plataforma común que unise os diferentes axentes forestais de Portugal, España e Francia, países que, en xeral, se enfrontan a problemáticas forestais semellantes. Nestes países, o predominio do minifundio da propiedade forestal privada, e a falta de formación técnica forestal dos propietarios, levan á proliferación de prácticas que ás veces ameazan a integridade e produtividade forestal, condicionando os servizos do ecosistema como un todo, polo que se fai urxente promover as boas prácticas e o fomento da educación forestal.

O proxecto contará con talleres e visitas técnicas internacionais, titoriais e unha app para móbil para axudar á toma de decisións na xestión forestal sostible, integrando nunha estratexia común á comunidad forestal e ao público xeral. As técnicas pedagóxicas serán innovadoras e personalizadas para o público interesado, e baseadas nun modelo de aprendizaxe participativa e horizontal.

O consorcio está composto pola Universidade de Aveiro que proporcionará contidos científicos e asesoramento en diversas áreas (bosques, biodiversidade, sustentabilidade e comunicación). Os outros socios son Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Association Forêt Modèle de Provence (Francia) que integran unha vasta rede de proprietarios e técnicos forestais e teñen contacto regular e directo cos principais axentes e grupos económicos do sector forestal. En total xestionan máis de 26.000 ha de monte certificado que servirá de laboratorio e “aula transfronteiriza” para as boas prácticas forestais. A Fundación CESEFOR (España) achegará coñecementos especializados sobre comunicación dixital e desenvolverá as ferramenats informáticas para a xestión e a educación forestal. O consorcio complétase co PEFC™ e o FSC® internacionais, os maiores sistemas de certificación forestal a escala global que neste proxecto traballarán xuntos, unindo esforzos, obxectivos e audiencias. Os seus elevados parámetros de esixencia e credibilidade pretenden constituír un mecanismo de protección do monte a escala global, apoiándose na acción local, para garantir que os beneficios sociais, ambientais e económicos do monte cheguen a toda a sociedade e así garantir que os beneficios sociais, ambientais e económicos da floresta estean dispoñibles para todos.

O equipo do Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro reúne investigadores con vasta experiencia en xestión forestal e biodiversidade, así como en educación e divulgación científica.

(4 do 8 de 2016)

(4 do 8 de 2016)

Na reunión do Consello Forestal do 29 de xullo presentouse o “Documento previo do Plan Forestal de Galicia”. Anuncia que se abre un prazo de dous meses para que as organizacións poidan presentar achegas a este documento.

O documento inclúe unha presentación do sector forestal galego, establécese un diagnóstico da situación actual e preséntanse os obxectivos e os fundamentos da política forestal galega, así como a estrutura e configuración do Plan Forestal de Galicia. O director informou que unha vez aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o procedemento para a elaboración do PFG no que se incluía este documento previo, enviarase ao órgano ambiental da Xunta de Galicia e máis á Administración local e outras organizacións públicas para que informen este documento.

Pode consultarse aquí

Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:
































Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es