Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

A Asociación Forestal de Galicia organiza un obradoiro de plantación de frondosas no monte demostrativo do Pico Sacro


11 de decembro de 2018

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) programou para este venres un obradoiro de plantación de frondosas caducifolias no Monte Demostrativo do Pico Sacro, que se puxo en marcha este ano como unha escola de silvicultura para propietarios forestais e comunidades de montes. O obradoiro deste venres consistirá na plantación de cerdeiras, con explicación do manexo que require a especie en cuestións como o abonado e os coidados posteriores á plantación.

A actividade trata de promover a produción de madeiras de alto valor con especies como a cerdeira, unha frondosa caducifolia que ademais pode ser empregada nas franxas de protección contra incendios que hai que habilitar arredor dos núcleos de poboación.

O obradoiro de plantación de frondosas continúa así a liña de traballo que vén desenvolvendo o Monte Demostrativo do Pico Sacro desde este verán, con demostracións prácticas de poda de castiñeiro e nogueira, así coma cun obradoiro de poda e rareo de carballo americano. A última das accións formativas desenvolvidas este outono foi unha demostración de recollida mecanizada de castaña.

Inscripción no curso
A demostración, que é de asistencia gratuíta, será dirixida polo director da AFG, Francisco Dans del Valle, e terá lugar o venres 14 de decembro ás 16,15 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro, situado aquí.

Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).

Monte Demostrativo do Pico Sacro
O proxecto do Monte Demostrativo do Pico Sacro, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, ocupa 18 hectáreas de monte e superficie agraria en Boqueixón. A iniciativa ten como obxectivo combinar a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es