Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

A AFG promove un acordo histórico para a recuperación do piñeiro de Galicia


25 de outubro de 2018

Despois dun longo traballo de preparación liderado polos equipo técnicos da AFG e FINSA, un total de 51 entidades da cadea da madeira asinaron onte en Santiago de Compostela un acordo histórico que promoverá a recuperación do piñeiro de Galicia. O compromiso do conxunto do sector enfócase a impulsar a produción de madeira de calidade, para o que se fomentará a mellora xenética dos piñeiros e o seu bo manexo silvícola no monte, a fin de obter madeira recta, sen nós e apta para usos industriais de alto valor engadido.

As entidades asinantes establecerán proximamente uns prezos mínimos de referencia para esta madeira de calidade, de xeito que a súa produción sexa suficientemente atractiva para os propietarios forestais. A situación da que partimos non é a mellor, todos sabemos que hai moito produtor desencantado co piñeiro. Non é de estrañar, o prezo da mellor rolla ten un prezo moi baixo… e nisto todos os asinantes do convenio coinciden, hai que valorar a boa madeira incrementando o seu prezo. Este é o punto de partida da dinamización. E este é o compromiso que temos que concretar a curto prazo.

A diferenciación por prezo da madeira de calidade de piñeiro acompañarase doutras dúas accións estratéxicas orientadas a dotar aos propietarios forestais dos instrumentos e coñecementos precisos para este tipo de produción.

En primeiro lugar, a cadea da madeira galega impulsará a mellora xenética das coníferas. O obxectivo sitúase en ofertarlle ao propietario plantas de coníferas que sexan resistentes a riscos sanitarios e cuns crecementos contrastados que permitan reducir as quendas de produción.

Un segundo aspecto no que se traballará é no fomento de modelos silvícolas que permitan obter bos resultados, tanto en plantacións como en montes de rexeneración natural. Proximamente, definiranse comarcas piloto nas que se iniciarán actividades formativas e de divulgación. Tamén está prevista a creación dunha rede de montes demostrativos que permitan visualizar resultados e que dean apoio aos programas formativos de tratamentos silvícolas (podas, rareos, etc.).

Outro eixo estratéxico do acordo subscrito consiste na promoción do uso e consumo da madeira de coníferas de Galicia, de xeito que a sociedade galega e os consumidores coñezan os produtos elaborados a partir dun modelo forestal sostible, que sitúan a Galicia na primeira liña da innovación e da economía circular.

O Plan integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas e de promoción do consumo de madeira de Galicia foi subscrito onte nun acto celebrado na Cidade da Cultura no que participaron 51 entidades do sector, entre as que figuran asociacións de propietarios forestais, viveiros, empresas de servizos forestais, serradoiros, empresas de segunda transformación, prescritores, firmas de distribución e outras institucións (Ver listado completo máis abaixo). A cadea da madeira agradece tamén o compromiso co Plan amosado por Abanca, unha entidade financeira referente en Galicia e vinculada de xeito tradicional ao mundo rural.

Contexto
Desde hai anos, as masas de piñeiro do país (Pinus pinaster) e de piñeiro insigne (Pinus radiata) están en retroceso por diversos factores, como uns prezos de mercado non competitivos, a falta de planta de calidade ou a aplicación de modelos silvícolas pouco axeitados para os requirimentos das industrias. Esta situación, de non producirse un cambio, levaría a medio prazo a un forte descenso nas existencias de madeira de piñeiro. Tal escenario é preocupante para a industria que consume piñeiro, pero tamén para os silvicultores, que deben dispoñer de opcións para diversificar os seus investimentos no monte.

O acordo asinado pola cadea da madeira de Galicia plasmarase na posta en marcha dun programa de restauración orientado a recuperar superficie dedicada a coníferas en Galicia, así coma a mellorar as masas existentes.

De cara ao futuro, preséntanse numerosas oportunidades para a madeira de coníferas de Galicia, pois existe un aumento da demanda de produtos derivados da madeira de piñeiro, en particular por sectores de equipamentos coma o ‘contract’.

O desenvolvemento da bioeconomía en Europa posibilitará tamén usos innovadores da madeira de piñeiro (bioplásticos, fibras téxtiles, obtención de produtos químicos, etc.), o que debuxa un panorama esperanzador para os piñeirais de Galicia, que ademais da súa función produtiva teñen unha gran importancia ambiental, paisaxística e social, en particular en ecosistemas costeiros, montes periurbanos e nas serras do interior galego.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es