Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

Absoltos os comuneiros de Valadares acusados no caso do ciclista que quedou parapléxico


23 de xullo de 2018

En setembro de 2014 un ciclista de montaña chocou contra unha pedra colocada nun carreiro do monte Alba, veciñal en mano común da parroquia de Valadares en Vigo. O incidente levouse a xuízo acusando ao vicepresidente da comunidade así como a tres traballadores da mesma como responsables de ter colocado a pedra, motivo polo que o fiscal pedía una condena de dous anos e medio de cárcere para cada un polo delito de lesións por imprudencia grave. Tamén demandaba unha indemnización de 832.000 euros para a vítima, o ciclista Diego González, para o que solicitaba a declaración de responsable civil subsidiario da comunidade de montes. A acusación particular elevaba a súa petición a 6 anos de cárcere para cada acusado e o pago dunha indemnización de 11,5 millóns de euros.

Tras case catro anos, a Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acaba de ditar resolución sobre este caso, concluíndo que “non se acreditou” que os catro comuneiros estivesen implicados na colocación a propósito da pedra no carreiro do monte.

Aínda que os maxistrados non teñen dúbidas de que a rocha foi posta no medio do carreiro por “unha acción humana producida de forma voluntaria”, non se puido probar que os acusados foran os responsables desta acción. A sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Este episodio de gran repercusión mediática provocou un importante debate acerca do uso público nos montes veciñais en man común, recoñecidos por lei como montes privados. Aínda non se logrou concienciar aos usuarios dos montes veciñais da necesidade de informarse ben acerca da posibilidade de usar estes con fins deportivos ou recreativos, así como de solicitar as debidas autorizacións, en primeiro lugar a os seus lexítimos propietarios.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es