Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

Unha delegación forestal galega coñece os modelos de xestión do bosque da Provenza francesa


25 de xuño de 2018

Representantes da Asociación Forestal de Galicia participaron en Francia no cuarto evento do proxecto FOREST-IN, unha iniciativa que procura mellorar o manexo do monte por parte dos propietarios forestais de pequenas parcelas

A Asociación de Bosques Modelo de Provenza, en Francia, vén de desenvolver un encontro para amosar distintos sistemas de xestión das pequenas propiedades forestais na Provenza, unha rexión encadrada na zona mediterránea do país veciño. O evento, que se enmarca no proxecto FOREST-IN, contou con asistencia dunha delegación galega, na que participaron integrantes da Asociación Forestal de Galicia, entre outras entidades.

A delegación galega coñeceu nos tres días do encontro distintos modelos de xestión do bosque, constatando que na Provenza hai problemas comúns ós que se dan no monte galego, coma son os incendios forestais, os atrancos derivados do minifundio ou a conflitividade ligada ó uso recreativo dos montes.

O proxecto FOREST-IN, no que se enmarcou a viaxe da delegación galega á Provenza, ten como obxectivo promover boas prácticas de xestión forestal entre os propietarios de montes de pequena dimensión. A iniciativa, que inclúe diversos encontros e visitas, culminará tamén nos próximos meses o desenvolvemento dunha aplicación móbil (App) orientada a facilitarlle tutoriais ós propietarios forestais sobre boas prácticas.

Minifundio, incendios e uso social dos montes
O encontro desenvolto este mes na Provenza é o quinto do proxecto FOREST-IN e toma o relevo do realizado en Galicia no mes de xaneiro. Na Provenza, as visitas técnicas programadas permitiron comprobar como se xestiona o monte na rexión gala. Unha das cuestións a destacar radica nas fórmulas que se deseñaron en Francia para afrontar o minifundio forestal, que no país veciño é considerado un problema grave, a pesar de que teñen parcelas forestais de dimensión moi superior á galega.

Outra das visitas programadas na Provenza centrouse en amosar como, en materia de prevención de lumes, se traballa na formación de barreiras agrícolas en torno ós núcleos de poboación.

A delegación galega constatou tamén na visita a conflitividadeque se rexistra na Provenza polo uso recreativo dos montes. Esta rexión francesa, marcada pola presión turística da Costa Azul e por importantes núcleos de urbanos, caso de Marsella, rexistra problemas por usos sociais dos montes, non sempre autorizados, e por roubos de froitos do bosque, unha situación equiparable á que se dá en diversas zonas de Galicia.

Sobre o proxecto FOREST-IN
O proxecto FOREST-IN ten como obxectivo promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, tutoriais e a creación dunha aplicación móbil orientada a axudar ó propietario forestal no proceso de toma de decisións para unha xestión forestal sostible.

FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiación do programa Erasmus +. O coordinador do proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal) e ten como socios á Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza.




Direccións web relacionadas:
http://www.forest-in.eu/


Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es