Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

A Asociación Forestal de Galicia crea un monte demostrativo que funcionará como escola de silvicultura


21 de marzo de 2018

A Asociación Forestal de Galicia inaugurou o 21 de marzo no Pico Sacro (Boqueixón) un monte demostrativo no que realizará actividades de divulgación dirixidas a propietarios forestais, técnicos e comunidades de montes veciñais. O proxecto, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, funcionará como unha Escola de Silvicultura que permitirá que os visitantes coñezan cuestións como métodos de plantación, técnicas de poda ou aproveitamentos mixtos de madeira de calidade, cogomelos e froitos do bosque.

A iniciativa inaugurouse hoxe con presencia das asociacións da cadea da madeira e do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. O proxecto ubícase na ladeira do Pico Sacro, en Boqueixón (A Coruña), nunha superficie de 18 hectáreas pertencente a 11 propietarios forestais que subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a cesión das súas propiedades.

Antes de iniciarse a intervención, o recinto presentaba un alto grao de deterioro, con masas de eucalipto procedentes de antigos incendios e moi afectadas por ataques de gorgullo, parcelas que evolucionaron de xeito espontáneo sen ningún coidado e cultivos agrarios con baixo nivel de explotación.

O proxecto para crear o monte demostrativo deseñouse con tres finalidades principais: a plantación de rodais de frondosas caducifolias para obter madeira de calidade, a produción de cogomelos e froitos do bosque (castañas, noces) e o manexo dunha zona de interfaz agrícola – forestal cun uso mixto.

Zona forestal
O monte demostrativo está dividido en dúas zonas principais, unha forestal e outra agropecuaria. Na parte forestal, plantáronse masas de cerdeiras, castiñeiro híbrido, nogueira híbrida e carballo americano, todas elas co obxectivo principal de lograr madeira para chapa de alto valor. De xeito paralelo, produciranse cogomelos nun rodal no que se plantou castiñeiro híbrido micorrizado que permitirá a obtención de Boletus edulis.

A planta utilizada, castiñeiro, cerdeira, nogueira e carballo americano, procede de material xenético mellorado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, no marco dos proxectos promovidos polo Grupo Inditex. Tamén se empregou material procedente de recoñecidos viveiros e de centros de investigación do sur de Europa.

A maiores de acometer estas novas plantacións, estase a recuperar un souto adulto, unha plantación de castiñeiros que data do 1995 e que presenta un gran número de pés en mal estado en canto a réxime de podas e calidade do fuste. Intervirase nel para formar subrodais de produción de madeira e subrodais de produción de castaña, substituíndo os peores pés por castiñeiros procedentes de mellora xenética.

Espazo agropecuario
A actuación deseñada no monte demostrativo do Pico Sacro amosa ademais posibles vías para a xestión da interfaz agrícola – forestal, que cobra importancia como vía para reducir os riscos asociados ós lumes. Na zona agroforestal do monte, instaláronse parcelas nas que se ensaia a produción de madeira de cerdeira e de nogueira en marcos amplos, con 12 metros de separación entre fileiras, de xeito que as plantacións intercálanse con franxas de cultivo de millo.

Outra das parcelas existentes en solo agropecuario destinouse á produción de noces co obxectivo de comparar a produción de froito da nogueira do país coa das variedades máis produtivas existentes no mercado.

Xestión e visitas
O monte demostrativo do Pico Sacro está deseñado para permitir a realización de actividades formativas e divulgativas, con visitas organizadas nas que se amosará o manexo do monte. O espazo foi dividido e acondicionado para permitir un acceso cómodo, sinalizáronse as parcelas demostrativas e establecéronse itinerarios didácticos. Contarase con material didáctico de apoio para facilitar a comprensión por parte dos visitantes. As visitas dos silvicultores serán organizadas polas entidades colaboradoras e os visitantes estarán acompañados por expertos.

A xestión do monte será realizada polo equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia co apoio e colaboración de expertos da Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago, do Forest Stewardship Council (FSC), do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela e de centros de investigación e institucións especializadas como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego (ACEFGA).

Compatibilidade de usos
O proxecto de xestión do monte demostrativo busca amosar a compatibilidade da produción de madeira con outros aproveitamentos agrarios e forestais (cogomelos, froitos do bosque), así como coa conservación do medioambiente. Distribuídos por toda a parcela, existen unha serie de enclaves de interese ecolóxico que permitirán conservar hábitats singulares, favorecendo a permanencia de numerosas especies de fauna e flora que contribuirán a mellorar a biodiversidade e a previr a aparición de problemas sanitarios nas plantacións.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:









Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es