Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

O proxecto Forest-IN celebra un encontro en Galicia


24 de xaneiro de 2018

O proxecto Forest-IN está celebrando desde o día 22 ato 26 de xaneiro varios eventos en Galicia nos que ademáis dun grupo de silvicultores e membros de comunidades de montes e empresas do sector, están participando franceses e portugueses.

O proxecto Forest-IN céntrase na educación forestal de todos os axentes da cadea forestal desde os propietarios e técnicos forestais, ata os grandes xestores. Conta cun financiamento de máis de 320.000 euros de fondos europeos dentro do programa Erasmus+ e ten unha duración de tres anos, desde setembro de 2016 ata agosto 2019.

O proxecto Forest-IN partiu da necesidade de crear unha plataforma común que unise os diferentes axentes forestais de Portugal, España e Francia, países que, en xeral, se enfrontan a problemáticas forestais semellantes. Nestes países, o predominio do minifundio da propiedade forestal privada, e a falta de formación técnica forestal dos propietarios, levan á proliferación de prácticas que ás veces ameazan a integridade e produtividade forestal, condicionando os servizos do ecosistema como un todo, polo que se fai urxente promover as boas prácticas e o fomento da educación forestal.

Ao longo destes cinco días en Galicia, ademais da celebración de dúas reunións de xestión do proxecto, celebráronse tres xornadas de visitas a diferentes experiencias forestais nas que se están levando a cabo boas prácticas silvícolas.

Fíxose un percorrido de tres días para ilustrar moi diferentes aspectos do monte galego, procurando, dentro do tempo dispoñible, abranguer o máximo de casos diferentes: o emprego do eucalipto glóbulus para madeira laminada (Laminados Villapol S.A. en Trabada), o multiaproveitamento do monte veciñal (monte veciñal do Carballo, en Friol), aproveitamento resineiro e novas técnicas de resinación (monte veciñal de San Clemente de Cesar e Centro de Investigacións Forestais de Lourizán), parcela demostrativa do Pico Sacro (Boqueixón) con diferentes plantacións de especies frondosas caducifolias, aproveitamento da castaña en Galicia, a súa industria e comercialización (a cargo da IXP Castaña de Galicia), silvopastoralismo e produción intensiva de madeira de frondosas (Bosques Naturales, S.A. en Boimorto) e aproveitamento melífero en réxime cooperativo (Erica Mel S.C.G.).




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:









Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es