Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

A Conselleira do Medio Rural visitará montes veciñais do sur de Pontevedra acompañada por directivos da Asociación Forestal de Galicia


12 de decembro de 2017

En resposta a unha invitación da Asociación Forestal de Galicia, o mércores 13 de decembro a Conselleira do Medio Rural acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, o xefe territorial de Pontevedra e os xefes provinciais de Montes e Incendios Forestais, visitarán a sede da Asociación Forestal de Galicia e varios montes veciñais en man común do sur de Pontevedra. Esta visita ten como obxectivo primordial que a Conselleira poida coñecer de primeira man a proposta dun plan de restauración forestal dos montes queimados neste ano.

A Conselleira reunirase no Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas) con representantes e técnicos da Asociación Forestal de Galicia e representantes de varias comunidades de montes e incluirá unha visita a montes veciñais da comarca do Condado-Paradanta.

Directivos e técnicos da Asociación Forestal de Galicia acompañados por presidentes de comunidades de montes veciñais en man común da contorna, presentaranlle á Conselleira o informe dos danos dos montes dos socios da Asociación Forestal de Galicia na provincia de Pontevedra causados polos incendios do pasado mes de outubro, onde se contabilizaron perdas por valor de 18.938.078 euros. Tamén se lle presentará á Conselleira un plan de restauración dos montes queimados.

Estas propostas sitúanse no marco do acordo do sector forestal sobre montes queimados que recentemente lle fixo chegar o conxunto das organizacións do sector forestal galego á Consellería. Na reunión analizaranse as medidas de política forestal que os propietarios forestais asociados á Asociación Forestal de Galicia consideran indispensables que sexan contempladas no Plan Forestal de Galicia, nestes momentos en elaboración e que marcará o devir dos montes galegos dos vindeiros anos.

A visita é esperada con grande expectación por parte dos propietarios forestais que foron afectados polos incendios que esperan poder transmitirlle a necesidade de que a Administración reaccione cun plan ben artellado para recuperar o patrimonio forestal, cultural e económico perdido, compartido con toda a sociedade galega que o usa e goza gratuitamente.

Para rematar a xornada, farase unha visita por varios montes veciñais da contorna onde desde hai anos se está facendo unha xestión forestal sostible: montes con plan de ordenación, con certificación forestal e capitalizados.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:





Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es