Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

Os vertidos ilegais invaden os montes galegos


10 de outubro de 2017

Recentemente representantes da Asociación Forestal de Galicia reuníronse co director xeral de Ordenación e Produción Forestal para tratar, entre outros asuntos, o uso de asadeiros en espazos de recreo e o problema dos vertedoiros ilegais nos montes.

Nesta reunión expúxose o feito que os montes periurbanos, ademais de ser zonas verdes e de producir recursos para os seus veciños, son un dos principais espazos de esparexemento dos cidadáns nunha Galicia cada vez máis urbana.

Tan só na contorna de Vigo calcúlase que uns 10.000 cidadáns gozan dos montes periurbanos cada fin de semana.

Conforme con esta demanda de uso social moitas comunidades de montes crearon infraestruturas e áreas de recreo debidamente acondicionadas segundo a lexislación vixente que, nestes momentos, non poden ser utilizadas en caso de risco alto de incendio.

A Asociación Forestal de Galicia é partidaria de que se aproben infraestruturas que sexan unha adaptación das xa existentes e non estruturas novas que suporían un maior gasto e non faría outra cousa que encher as áreas recreativas e parques forestais de edificacións incrementando o risco de accidentes, o custo de mantemento, etc. O director xeral insistiu en que os asadeiros permitidos deberán contar con seguridade abondo para evitar incendios, con independencia da contorna na que se sitúen, inda que, tal como se solicitou desde a AFG, no seu deseño deberase ter en conta o contorno no que se atopa.

A AFG tamén inquiriu a valoración do director xeral sobre a proposta de adaptación de infraestrutura presentada pola Mancomunidade de Montes de Vigo, ao que o director xeral manifestou non ter coñecemento da mesma. Neste sentido, e tendo en conta que se aprobará cada proposta de xeito individual, propúxose por parte da AFG que as propostas aprobadas estivesen a disposición pública co fin de acadar un catálogo de modelos, de xeito que se poidan adecuar as propostas a modelos xa aprobados, para axilizar os trámites de aprobación.

A lexislación vixente fai responsable dos vertidos ilegais feitos nos montes aos propietarios forestais inda cando estes son precisamente as vítimas, non os culpables. O custo económico desta inxustiza, sancións e traballos de eliminación dos residuos, ten chegado a representar ata 10.000 euros nun ano para algunha comunidade de montes.

A Asociación Forestal de Galicia leva anos denunciando este sen sentido e solicitando a eliminación da normativa de sancións a propiedade. Dada a enorme proliferación dos vertidos ilegais nos montes e a gravidade dos problemas ambientais que producen: contaminación das augas e mananciais, contaminación dos solos, impactos moi negativos na paisaxe… a AFG tamén e partidaria dunha maior dedicación policial a identificación dos responsables destes delitos e do endurecemento das multas e penas.

O director xeral comprometeuse a revisar a lexislación vixente para que, no futuro, o propietario do monte que sofre un vertido ilegal non sexa declarado responsable do mesmo.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:





Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es