Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

O proxecto europeo FOREST-IN celebra o seu primeiro foro internacional en torno aos bosques saudables e os seus xestores


8 de marzo de 2017

O pasado 2 de marzo tivo lugar en Lousã (Portugal) o Foro Internacional Bosque saúdable, beneficios para todos, que foi organizado polo proxecto europeo INovative and Educational INformation for the Sustainable FOREST Management by Smallholders (FOREST-IN), do que son socias diversas organizacións e institucións de España, Francia e Portugal, coa Universidade de Aveiro como coordinador desta iniciativa transnacional.

O foro -que se celebrou o 2 de marzo reuniu a máis de 120 participantes- foi precedido dun novo encontro de traballo entre os integrantes do proxecto FOREST-IN, que persigue promover as boas prácticas e a educación forestal entre os propietarios privados dos montes, os seus xestores e técnicos, e demais axentes implicados na xestión forestal sostible dos bosques. Este foro internacional contou co importante respaldo do Goberno portugués, sendo o secretario de Estado de Silvicultura e Desenvolvemento Rural, Amândio Torres, un dos protagonistas do acto inaugural no Centro de Operacións e Técnicas Forestais (COTF), lugar no que se desenvolveu o foro, xunto co reitor da Universidade de Aveiro, o director do Instituto de Conservación da Natureza e dos Montes e o alcalde de Lousã.

Este encontro técnico serviu, entre outros aspectos, para abordar os principais problemas relacionados coa ordenación forestal nalgúns territorios dos países socios, todos cunhas características moi similares: predominio da propiedade forestal privada con áreas moi pequenas, e en moitos dos casos baixo a xestión de propietarios sen capacitación técnica, onde é urxente promover boas prácticas e educación forestal para unha xestión sostible dos recursos.

O foro ademais, recabou información sobre as necesidades e preocupacións destes propietarios forestais no seu día a día, e explicaráronse algunhas das accións que emprenderá o proxecto FOREST-IN para axudarlles á toma de decisións para unha xestión forestal sostible.

Sobre o proxecto FOREST-IN
O proxecto FOREST-IN ten como obxectivo promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, titoriais e a creación dunha aplicación móbil orientada a axudar no proceso de toma de decisións para a xestión forestal sostible. Todo isto integrado nunha estratexia concertada que involucra á comunidade forestal e ao público en xeral. As técnicas pedagóxicas serán innovadoras e personalizadas para os destinatarios do proxecto, e estarán baseadas nun modelo de aprendizaxe horizontal e participativo.
FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiamento do Programa Erasmus+, o principal mecanismo financeiro da Comisión Europea en materia de Educación. O coordinador deste proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal), xunto coa Asociación Forestal de Galicia, a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), e o Bosque Modelo de Provenza (Francia).




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:





Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es