Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

En 2014 rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais para todos os proxectos de enerxías renovables en Galicia


5 de novembro de 2013

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demandou o pasado mes de outubro, a implicación das industrias na aposta que o Goberno galego está a facer polas enerxías que proceden de fontes naturais inesgotables, unha aposta que se vai ver reforzada “de xeito inmediato”, xa que os Orzamentos para o vindeiro ano inclúen unha rebaixa no Imposto de Transmisións Patrimoniais para todos os proxectos de enerxía renovable que se poñan en marcha, mediante unha bonificación do 92% sobre a cota (desde o 4% ata o 0,3%).

Durante o acto de conmemoración do 50 aniversario da central hidráulica de Belesar, o mandatario galego destacou que Galicia é potencia europea en tres recursos naturais, auga, vento e biomasa: en 2011, o 53% da enerxía eléctrica producida en Galicia procedeu de fontes renovables e a Xunta traballa co obxectivo de lograr que en 2015-2020 se chegue ata o 95%. De aí o fomento deste tipo de enerxías por parte do Executivo autonómico, un impulso que, segundo sinalou Feijóo, “se verá intensificado” no caso da enerxía eólica e da biomasa.

Así, no que respecta á primeira, o titular da Xunta adiantou que se vai actualizar o Plan sectorial eólico de Galicia, de cara a optimizar as posibilidades de aproveitamento e ofrecer unha blindaxe xurídica definitiva a calquera desenvolvemento eólico futuro; que se duplicará a bonificación fiscal existente no canon eólico a aqueles promotores que aposten pola innovación e a redución do impacto ambiental; ou que se modificará o Decreto de repotenciación para axilizar ao máximo a tramitación administrativa destes investimentos e tamén os prazos de execución dos parques eólicos.

No caso da biomasa, Feijóo explicou que o vindeiro ano desenvolverase, por vez primeira, un Plan de Acción Integral da Biomasa en Galicia, para dotar de absoluta preferencia esta actividade económica; que se incentivará o uso práctico deste combustible, sendo prioritarios á hora de captar subvencións os proxectos de innovación relacionados con este tipo de enerxía; e que se aprobará unha orde de axudas de 10 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica. A meta, afirmou, é que o vindeiro ano se poñan en marcha máis de 1.000 instalacións de caldeiras deste tipo e que cada ano se valoricen 18.000 toneladas de biomasa. “E comezaremos por dar exemplo –insistiu-, avanzando que a Xunta seguirá coa renovación das súas instalacións co obxectivo de acadar un maior consumo de biomasa nos seus edificios administrativos e hospitalarios”.
Fonte: Nota de prensa Xunta de Galicia.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es