Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 60

Eucaliptos de interese forestal en Galicia



Francisco Javier Silva-Pando e Andrea Fernández Darriba
Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Xunta de Galicia

Os eucaliptos están incluídos no xénero Eucalyptus, que comprende case mil especies, subespecies e híbridos, que medran case na súa totalidade en Australia e Tasmania. Trouxéronos a Europa no ano 1774 e empezáronse a plantar en Galicia arredor do ano 1850 na zona de Ortigueira e, en contra do que se di, non foi o Pai Frei Rosendo Salvado o introdutor en Galicia, senón algún propietario desa zona. Na década de 1860 atopábase xa en diversos parques e xardíns pacegos e foi a partir dos anos vinte do século pasado cando se expandiu polas zonas baixas e medias da nosa terra.

Na súa terra orixinaria, os diferentes eucaliptos cobren unha gran variedade de tipos de clima e solos.

Por mor dun proceso de adaptación, a maioría dos eucaliptos medran en solos con moi baixa fertilidade, polo que ao crecer na nosa terra, algo máis rica en nutrientes, medran moi ben; o fósforo é reciclado moi eficientemente, polo cal, o mellor nivel de fósforo nos nosos solos favorece máis o crecemento. Teñen un sistema radicular que toma a auga dos niveis superiores do solo e compite, por tanto, con outras plantas.

De todas as especies existentes, as que dominan en Galicia son as que medran ventureiras no sueste de Australia e en Tasmania. O clima nesas zonas é moi similar ao clima que temos en Galicia, polo que é normal que medren tan ben aquí.

Despois dun traballo feito nos últimos tempos, atopamos máis de 40 especies que medran dunha forma máis ou menos ventureira nos nosos montes ou terreos non urbanizados. Ademais, hai preto de 80 especies cultivadas en parques e xardíns galegos, estando representadas a maioría no Xardín Botánico de Lourizán (Pontevedra).

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:

































Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es